Alerta: necesidade de conservación nos cauces fluviais de Cuntis

Vimos de instar de instar ao Concello de Cuntis a que lle esixa á Xunta de Galicia que actúe no leito do río Gallo debido ás moitas árbores caídas que poderían provocar un “efecto funil” á saída do casco urbano. Foi mediante unha instancia dirixida ao Alcalde de Cuntis para que, como máximo responsable municipal, se dirixa ao Goberno Galego para defender os intereses da vila.

Cuntis é un concello que ten sufrido problemas graves a causa de inundacións e desbordamentos dos seus cauces fluviais, especialmente dos que atravesan o centro da vila, tanto o río Gallo como os regatos menores que van desembocar nel. Periodicamente, os veciños e veciñas tanto da vila como doutras parroquias teñen que padecer as consecuencias das enchentes do inverno. Por tal motivo, Cuntis figura nun lugar destacado no mapa de risco de inundacións que a elabora a Consellaría de Medio Ambiente en función de directivas europeas.

A finais do ano pasado, a revisión dos mapas de risco ampliaba as zonas que se declararían potencialmente inundables especialmente no centro da vila. Veciñanza presentara alegacións a este documento para completalo da maneira máis precisa posible. A declaración de zonas de risco conleva unhas medidas especiais de protección e unha obriga de investimentos a fin de paliar os danos que puideran causar as enchentas.

Nunha recente visita ao cauce do río Gallo, membros da asemblea de Veciñanza puideron comprobar o estado no que se atopa o leito deste río e a perigosidade que supón. Ducias de árbores caídas e atravesadas poderían provocar un efecto “tapón” e obstruír o normal discorrer da auga cando por mor das choivas aumente o seu nivel. Trátase do treito que vai dende a N640 (detrás do Restaurante Don Manuel) ata a Ponte Taboada, de aproximadamene 2’5 km.

A Directiva 2007/60/CE do Parlamento Europeo relativa á avaliación e xestión dos riscos de inundación (transposta ao ordenamiento xurídico español a través del Real Decreto 903/2010, de 9 de xullo, de avaliación e xestión de riscos de inundación) establece tres tarefas ao respecto: a determinación das zonas ARPSI (risco potencial significativo de inundación), a elaboración dos mapas de perigosidade e os plans de xestión de risco. Cuntis atópase plenamente afectada por esta situación, e as administracións tanto local como autonómica (Concello e Xunta) teñen a obriga de actuar segundo as orientacións da propia Directiva Europea. Neste sentido, e ante inclusión da nosa vila tanto na zona ARPSI como no mapa de perigosidade, cómpre prestar especial atención ao leito dos nosos cauces fluviais. O estado no que se atopa o leito do río Gallo alerta da necesidade de intervir antes da chegada da época das choivas, o inverno.

Se ben a competencia é da Xunta de Galicia, o Concello debe esixir que ante a perigosidade da situación, e como risco potencial para a poboación, o Goberno Galego proceda de inmediato a acondicionar o leito do río e evitar que se poida producir un “efecto funil” que faría que o río Gallo rebordara na propia vila provocando graves consecuencias.

Ademais, e como cada ano, Veciñanza reitera a necesidade de conservación do coñecido como regato do Barreiro ao seu paso pola rúa da Presiña, que de novo se atopa nun estado deplorable e sufre o total abandono por parte das administracións.

 

Share

Tamén pode gustarche...